domingo, 19 de enero de 2020

Comeza o Proxecto #SenVandalismo Cisneros+APES+Fundación Barrié

O colexio Cardenal Cisneros únese de novo no curso 2019-2020 a iniciativas promovidas pola Asociación para a Prevención e a Educación Social (APES) e a Fundación Barrié. Trátase neste caso do proxecto #SenVandalismo co que se fomentará a conciencia social do alumnado en materia de prevención do vandalismo, formándose como “Investigadores Sociais”.
Nel aplicarase a metodoloxía pedagóxica de aprendizaxe-servizo que permite a docentes e alumnado combinar, co currículo académico, toda a formación adquirida en materia de vandalismo ao mesmo tempo que se implican na realización dunha campaña de sensibilización social sobre a prevención dos danos e riscos que carrexa o vandalismo. Traballarán no proxecto o alumnado, os seus profesores e familias.
Constará de tres fases: unha primeira de investigación da temática; unha segunda onde definirán e deseñarán unha acción social, e finalmente unha terceira fase na cal desenvolverán a acción social deseñada, que estará destinada a sensibilizar sobre a temática que investigaron.
 Os materiais didácticos que se empregarán nas distintas fases do proxecto teñen como característica principal a adecuación ás idades do alumnado e ás materias académicas do curso, e están compostos por fichas de traballo para a aula, fichas para traballar coa familia en casa e material audiovisual elaborado expresamente para motivar aos alumnos a lograr os retos expostos.
 Así mesmo, utilizarase a plataforma dixital de aprendizaxe do centro educativo, como ferramenta para facilitar a comunicación entre docentes e alumnado e para fomentar a participación de pais e nais nas iniciativas.

O proxecto tamén terá unha parte relacionada co Plan Proxecta da Xunta de Galicia de "Mobilidade Sostible e Segura" no que participa o centro baixo o título "Mobilidade Cívica".
Hai que ter en conta que os actos vandálicos nos sinais da vía pública son unha carga de gastos para os Concellos e unha  fonte de posibles sinistros.
Un sinal de tráfico pintado, esnaquizado, caído, ... pode provocar confusión para peóns e condutores e desencadear un accidente; por iso debemos concienciar e sensibilizar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Lección dos peques: colocar o casco

 Uns peques do Cisneros colleron as mini motos de equilibrio, pero tiñan que poñer casco como nas motocicletas de verdade.  Non perdade...